fbpx

Triunfo histórico de Quevedo nun Coliseum cheo por partida dobre

Máis de 21.000 persoas gozaron dos directos de presentación de Buenas Noches, o novo disco de Quevedo, os días 26 e 27 de setembro no Coliseum da Coruña. O recinto mudou a súa disposición habitual para transformarse nun espazo capaz de acoller o espectacular escenario 360º da xira do canario, que permitiu ao público situarse arredor del, de forma circular, ocupando a totalidade das localidades dispoñibles. Un concerto único, histórico e irrepetible, cunha montaxe nunca vista antes na cidade.

O cantante canario sumou un novo récord na súa traxectoria: converteuse no artista que reuniu o maior número de espectadores nun directo indoor este ano en Galicia

Quevedo regresou este outono á cidade herculina xa consolidado como un dos artistas máis importantes da escena da música urbana a nivel mundial e cunha proposta escénica á altura dos máis grandes shows do momento. Buenas Noches Tour presentouse como un espectáculo único pola súa despregadura de medios técnicos e, a través dunha produción do máis alto nivel, o canario reafirmou a súa madurez persoal e artística.

A xira, que comezara no pasado mes de febreiro en Madrid con tres noites de “sold out” no Movistar Arena e continuara por Latinoamérica, recalou en Galicia logo de encher os principais recintos de Las Palmas (Estadio de Gran Canaria), Bilbao (Bilbao Arena BEC!), Barcelona (Palau Sant Jordi) e Málaga (Palacio de Deportes Martín Carpena). Esta fin de semana, o Coliseum da Coruña, o maior espazo de eventos cuberto de Galicia, acolleu dúas noites con máis de 10.000 asistentes cada unha, convertendo a Quevedo no artista que máis público reuniu este ano na comunidade nun concerto nun recinto pechado.

A montaxe do escenario 360º permitiu que o público ocupara a totalidade do espazo —incluíndo o anfiteatro e a metade do tendido baixo, habitualmente pechados para eventos musicais—. Non se vía unha configuración semellante desde 1992, cando o Coliseum acolleu a xira de Frank Sinatra. Trinta e tres anos despois, a cidade herculina volveu vivir unha das grandes citas musicais do ano en Galicia e no noroeste peninsular: segundo os datos de venda de billetes das dúas paradas galegas de Buenas Noches Tour, que contou co apoio do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da iniciativa Concertos do Xacobeo, un 70 % do público foi galego, mentres que un 20 % chegou de Asturias, Castela e León e Madrid, e outro 3 % procedeu de Portugal.

QUEVEDO
Pedro Luis Domínguez Quevedo, máis coñecido como Quevedo, naceu en Madrid o 7 de decembro de 2001. Con só 4 anos mudouse a Gran Canaria, de onde é a meirande parte da súa familia e o lugar no que se sente na casa. A súa música está fondamente influenciada pola cultura da illa, o hip-hop e os ritmos latinos. Buenas Noches, o seu esperado segundo álbum de estudo, amosa unha nova perspectiva da vida e do mundo que o rodea, coa que o artista canario propón redefinir a escena internacional da música urbana en castelán. Cunha innovadora combinación de ritmos impactantes, letras magnéticas e o seu estilo inconfundible, este LP converteuse nun dos grandes discos de 2024.

https://open.spotify.com/embed/artist/52iwsT98xCoGgiGntTiR7K?utm_source=generator

Tras a parada na Coruña e a de Valencia o 2 de outubro, Quevedo continuará a xira por Estados Unidos —con todas as datas practicamente esgotadas— antes de regresar en novembro a Europa, onde actuará en Milán, Londres e Porto.

Crónica La Voz de Galicia – 25.09.2025