fbpx

21/06/2026 – Arde Lucus, Lugo 22:30h. ENTRADA LIBRE

Abraham Cupeiro pechará o Arde Lucus

Abraham Cupeiro presenta o 21 de xuño, en Lugo, un espectáculo irrepetible concibido expresamente para a gran festa do Arde Lucus. Unha cita ineludible e moi emocionante para o músico por xogar na casa, onde as súas obras máis emblemáticas como «O Anel de Pedra», a banda sonora da Muralla, soarán xunto a composicións inéditas creadas para a ocasión.
Arroupado por un ensemble de 10 músicos, este «Indiana Jones» da música amosará en directo a esencia do seu traballo. O gran fito desta proposta histórica será escoitar, por primeira vez en milenios, tres cornos romanos e tres karnyx celtas resoando ao unísono.
Son os mesmos instrumentos, fabricados por el, que gravaron a banda sonora de Gladiator II.
Aínda que estamos afeitos a ver estes instrumentos como pezas destacadas na obra de Abraham, en ningunha outra parte do mundo se poderán ver todos soando á vez. Unha montaxe incrible e única, deseñada á medida para engrandecer o Arde Lucus.

Apaixonado construtor e multiinstrumentista, Cupeiro é un dos poucos intérpretes de karnyx no mundo.
Reúne unha colección de máis de 200 instrumentos rescatados do tempo, chegando a tocar habitualmente un centenar deles.
A súa traxectoria levouno a gravar con Warner Classics e colaborar con orquestras internacionais e figuras da talla de Hans Zimmer ou Harry Gregson-Williams. Recentemente, ademais do seu traballo en Gladiator II, participou na banda sonora de Life on Our Planet, a serie de Netflix producida por Steven Spielberg.
Nado na vila lucense de Sarria, Cupeiro para Cupeiro é unha verdadeira honra investigar, crear e proxectar a súa arte dende a súa terra, levando os seus singulares instrumentos e a súa música a todos os recunchos do mundo sen esquecer nunca de onde vén.