fbpx

25/06/2023 – Arde Lucus, Praza de Santa María, Lugo Entrada de balde

Fillas de Cassandra no Arde Lucus

O domingo 25 de xuño Fillas de Cassandra actúan na Praza de Santa Maria dentro da programación do Arde Lucus.

MaríaSOA (voz, percursión e piano) e Sara Faro (voz e percusión)  conforman o dúo Fillas de Cassandra, un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. Transcorrido pouco máis dun ano desde a súa formación e con tan só tres cancións publicadas, a piques de presentar o seu primeiro traballo, (Acrópole. Febreiro. 2023), acumulan xa ás súas costas máis dunha vintena de concertos. 

A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas na no canto de tradición oral, pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica. 

O espectáculo que propoñen co seu primeiro disco bebe do teatro, convidando ao público a ser parte dunha viaxe ao longo da historia, da man dos nomes das heroínas que rescatan da mitoloxía clásica e cos que pretenden estabelecer un diálogo, recoñecendo as súas vivencias presentes como mulleres nas das súas devanceiras.  

Sempre desde unha ollada feminista e actual, as súas composicións transitan da emotividade ao desenfado vibrante sen esquecer o activismo, logrando conectar cun público interxeneracional. O piano e as diferentes percusións son apoiadas por bases electrónicas que, a pesar da súa potente sonoridade, capaz de instalar atmosferas de por si soas, non eclipsan nin as súas letras nin as súas voces, sempre nun primeiro plano grazas ás súas armonias vocais moi coidadas.