fbpx

Tanxugueiras celebran dez anos de música no Coliseum

O Coliseum da Coruña encheuse o pasado 17 de outubro para celebrar con Tanxugueiras unha década de traxectoria. Máis de 8.000 persoas asistiron ao concerto, no que o trío presentou en directo o seu último traballo, «O Cuarto»

Aida Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro repasaron diferentes etapas da súa carreira, combinando cancións do novo álbum —como «Metal mollado», «Na noite» e «Ea ea»— con temas xa emblemáticos do seu repertorio, entre eles «Midas» e «Terra».

A noite contou cunha ampla nómina de artistas convidadas. Subiron ao escenario as pandeireteiras AdeLina, Lilaina e Lagharteiras, así como Baiuca, Caamaño & Ameixeiras, María José Llergo, Juancho Marqués e Valeria Castro. Tamén participaron os bailadores Fran Sieira e Artur Puga.

O concerto converteuse nunha celebración colectiva da música e da cultura galegas, coa tradición e as pandeiretas dialogando con sonoridades contemporáneas. Un encontro co público coruñés que confirmou a conexión de Tanxugueiras coa súa xente e celebrou os dez anos de traxectoria do grupo.