Wöyza & The Galician Messengers presentan o seu primeiro EP


07/06/2023 – Presentación CD. Librería Cartabón, Vigo 20:00h. Entrada de balde
09/06/2023 – Showcase Cantina O Vixiador – APRAZADO 16/06-, Candeán, Vigo 19:30h.

Wöyza & The Galician Messengers presentan o seu primeiro EP. Partindo dun repertorio tradicional camiñan cara á fusión con expresións musicais contemporáneas. Seis cancións que son unha viaxe espiritual e emocional desde a Ría de Vigo ao Courel polo camiño das estrelas.

Esta nova edición limitada en CD inclúe remixes dos produtores galegos Marta Toro e Músculo!

Para presentar este EP, Wöyza & The Galician Messengers, estarán o mércores 7 de xuño na Librería Cartabón do Calvario, e o venres 9 de xuño ofrecerán un showcase na Cantina do Monte Vixiador en Candeán, Vigo.

Abre o EP Campo Estrelado, mesturando os alalás cos melismas da música gospel e os ritmos da costa africana coa pandeireta galega, e a gaita como instrumento de conexión coa cultura pagá dos pobos suevos e celtíberos.

Ay Deus se sab’ora meu amigo (Vou Namorada) é unha adaptación da cantiga do xograr Martín Códax datada no século XIII. Actualmente a cantiga reside en New York. En 2017, o pergamiño Vindel visita Vigo, a súa orixe, e esta obra musical preséntase por primeira vez en directo xunto a Cristina Pato. A súa mensaxe chega a través do tempo, en forma de hiphop, soul, gospel, e a tradición da vella Europa, popular e medieval, novamente desde a Ría de Vigo.

Cain as follas” é a adaptación de Wöyza do poema de Uxío Novoneyra de 1955, xa versionado por Emilio Cao en 1992. Con delicadeza máxima, o poeta do Courel desvelounos os ritmos da terra como un proceso temporal no que participamos longamente. Wöyza retoma a declaración dese vínculo individual a un territorio, cómo a natureza fíltrase en nós, atravesándonos, creando unha atmosfera única que emociona e inspira. 

En “Campo estrelado RMX» Marta Toro, destacado músico e producer de Vigo, achega toques de electrónica e house, mantendo a esencia dos sons atlánticos e a tradición do tema orixinal.

O grupo de produtores Músculo! encárganse do remix «Ay Deus Se Sab’ora Meu Amigo (Vou Namorada) RMX”. Baixo unha visión experimental, transportan a cantiga a mundos futuristas, elevan a tensión a niveis de sesión de dub noctura, creando o ambiente perfecto para deixarse levar e bailar.

No último track, Wöyza recupera a que foi a súa primeira obra en galego «Tempos de muller (ao vivo)«, sen cortes nin edicións, natural e transparente, canción madurada na súa voz soul. 

Gravado e masterizado en Planta Sónica, Vigo, por Pancho Suárez.

Voz principal: Wöyza

Teclado e sintetizador: Jorge Juncal

Baixo e voces: High Paw

Batería: David Outumuro

Percusión tradicional e voces: María López “Faltri”

Frauta, gaita e voces: Xulio Lorenzo

Podes mercar ou pedir o CD en VIGO: Libreria Cartabón, Discos Elepé, Cantina do Vixiador. PONTEVEDRA: Librería Paz. A CORUÑA: Librería Sisargas, Livraria Suevia. LUGO: Don Disco, Cede. SANTIAGO: Trisquel artesanía, De Cotío, Merlín e Familia, Bulideira. ALLARIZ: A Tulla. MELIDE: Muxica Tenda xoven. MOAÑA: Libreria Nobel – O Pontillón. TUI: Porta da Pía artesanía. CARBALLINO: OzocoGZ. PONTEAREAS: Adobiarte. OURENSE: Bonus track Ourense. REDONDELA: Consorcio Editorial Galego. BUEU: Librería Abrente e ONLINE.